Glosario

a b c d e f g h i j l m o p r s t x
Agrupación empresarial innovadora (AEI). Combinación nun espazo xeográfico ou sector industrial concreto de empresas, centros de formación e unidades de investigación públicos ou privados involucrados en procesos de intercambio colaborativo dirixida a obter vantaxes ou beneficios derivados da execución de proxectos conxuntos de carácter innovador.
Agrupación empresarial innovadora (AEI). Combinación nun espazo xeográfico ou sector industrial concreto de empresas, centros de formación e unidades de investigación públicos ou privados involucrados en procesos de intercambio colaborativo dirixida a obter vantaxes ou beneficios derivados da execución de proxectos conxuntos de carácter innovador.
Agrupación de interese económico (AIE). Sociedade mercantil sen ánimo de lucro que ten por finalidade facilitar o desenvolvemento ou mellorar os resultados da actividade dos seus socios. O seu obxectivo limítase exclusivamente a unha actividade económica auxiliar da que desenvolvan os seus socios, os cales responderán subsidiaria, persoal e solidariamente entre si polas débedas da agrupación.
Análise DAFO. Ferramenta de planificación mediante a cal se identifican as oportunidades e ameazas que presenta o contorno para unha empresa e as fortalezas e debilidades desta.
Análise económica-financeira. Conxunto de cálculos que se realiza nun plan de negocio para avaliar a rendibilidade e analizar a viabilidade económica dun negocio.
Aprovisionamento. Abastecemento dos equipos, materiais ou servizos necesarios para o funcionamento dunha empresa.
Autoemprego. Fórmula de emprego para incorporarse ao mercado laboral mediante a cal un individuo se constitúe como autónomo, empresario ou cooperativa e lle presta os seus servizos a outra empresa mediante unha subcontratación. No caso das franquías non hai esa subcontratación, pero si unha dependencia da central.
Avaliación de riscos laborais. Proceso dirixido a estimar a magnitude daqueles riscos que non puideren evitarse, con vistas a obter a información necesaria para que o empresario estea en condicións de tomar unha decisión apropiada sobre a necesidade de adoptar medidas preventivas e, de ser o caso, o tipo de medidas que deben adoptarse.
Balance. Representación contable do estado económico e financeiro dunha compañía que expresa os elementos activos e pasivos e o patrimonio neto. Forma parte das contas anuais obrigatorias da empresa.
Balance banco empresa. Informe que nos permite estimar en termos absolutos e relativos a rendibilidade obtida por cada entidade bancaria nos seus negocios coas empresas.
Benchmarking. É un proceso que ten como obxectivo comparar a eficiencia da empresa en termos de produtividade, calidade e prácticas coa daquelas compañías e organizacións que representan.
Cadea de valor. Grupo de actividades requiridas para deseñar, desenvolver, producir, comercializar e proporcionarlles produtos e servizos aos clientes. É esencialmente unha forma de análise da actividade empresarial mediante a cal descompoñemos unha empresa nas súas partes constitutivas para identificarmos fontes de vantaxe competitiva naquelas actividades xeradoras de valor.
Capital risco. É un investimento a longo prazo de forma minoritaria e temporal en pequenas e medianas empresas con grandes perspectivas de rendibilidade e/ou crecemento. Esta actividade realízana compañías especializadas de investimento en capital que lle achegan un valor engadido ao puramente financeiro.
Cartel ou concentración horizontal. Agrupación de empresas implicadas na mesma fase dun proceso produtivo co propósito de exerceren un monopolio nese sector de produción.
Centro de desenvolvemento tecnolóxico. Entidade creada a través dun acordo de cooperación co obxecto de promover a innovación tecnolóxica nun determinado sector de actividade. Os centros de desenvolvemento tecnolóxico adoitan desenvolver novas aplicacións tecnolóxicas para o seu posterior aproveitamento polas empresas participantes.
Cesión de crédito. Modalidade de crédito con formas contractuais mediante as cales o prestamista pode ceder a posteriori participacións nel. A cesión pode ser mediante obrigas de pagamento ou contratos de cesión, con cláusulas á medida segundo a conveniencia das partes.
Código de identificación fiscal ou CIF. É un código de cifras e letras que identifica a sociedade para os efectos fiscais. Están obrigados a solicitalo todas as persoas xurídicas calquera que for a súa actividade.
Comunidade de bens. Contrato polo cal a propiedade dun ben ou dun dereito pertence pro indivisa a varias persoas.
Convenio colectivo. Acordo escrito relativo ás condicións de traballo e emprego entre un empresario ou empresarios ou organización empresarial e un sindicato ou varios sindicatos ou outros órganos representativos dos traballadores.
Consorcios. Os consorcios tamén se denominan agrupacións temporais de empresas ou agrupacións de interese económico, cuxo fin é acadar un obxectivo en común. Existen dous tipos: as asociacións de interese económico, con personalidade xurídica propia e por tempo indefinido; e as unións temporais de empresas, sen personalidade xurídica propia e que traballan por proxectos.
Contabilidade. Disciplina que estuda o patrimonio nun determinado momento. Considérase como un sistema de tratamento da información económico financeira que ten como obxectivo proporcionarlles información a aqueles suxeitos aos cales lles poida ser útil.
Contabilidade de custos. Rama da contabilidade que analiza como se distribúen os custos e os ingresos que xera unha empresa entre os diversos produtos que fabrica e comercializa ou os servizos que ofrece, entre os diferentes departamentos da empresa e entre os seus clientes. Trata, xa que logo, de ver cal é o custo de cada produto, de cada departamento ou de cada cliente e que rendibilidade obtén de cada un deles.
Control de xestión. Actividade de apoio á dirección que consiste en recompilar, procesar e representar información relevante para a toma de decisións. Tradicionalmente as ferramentas de control de xestión veñen estando baseadas en instrumentos de tipo contable financeiro, pero esta actividade contempla cada vez máis información de índole non financeira.
Cooperación empresarial. Fálase de cooperación empresarial cando dúas ou máis empresas independentes comparten capacidades, coñecementos ou recursos para mellorar a súa posición no mercado e reforzar as súas vantaxes competitivas, sempre que non cheguen a se fusionar.
Cosourcing ou alianzas estratéxicas. Tipo de contrato que se realiza cun outsourcer, isto é, un socio comercial que corre cos riscos da organización e ao cal se lle pagan uns honorarios segundo as ganancias que o contrato lle proporcionar.
Crédito. Un contrato de crédito de conta corrente é aquel en que a entidade financeira se obriga a poñer á disposición do cliente fondos ata un límite determinado e nun prazo prefixado, de tal xeito que poden percibirse periodicamente os intereses sobre as cantidades dispostas, movementos que se reflectirán nunha conta corrente.
Crédito comercial. Aprazamento do pagamento dunha transacción de bens ou servizos, normalmente obtido de provedores ou concedido a clientes.
Contas anuais. Estados contables que proporcionan información sobre a situación financeira e patrimonial da empresa. As contas anuais previstas polo Plan xeral de contabilidade considéranse un balance da situación e deben presentárselles ao final de cada período contable aos accionistas e demais persoas relacionadas coa empresa.
Conta de explotación. Conta en que se anotan os resultados frecuentes da actividade económica dunha compañía. Expresa a diferenza entre os gastos e os ingresos de explotación.
Conta de perdas e ganancias. Estado contable que reflicte o resultado económico da empresa ao longo dun determinado período de tempo e en que se distingue entre os resultados propios da explotación e os orixinados por operacións extraordinarias. Comprenderá, coa debida separación, os ingresos e os gastos do exercicio e, por diferenza, os gastos do exercicio.
Conta de resultados. Estado contable que amosa os resultados dunha empresa durante certo período de tempo. Reflicte a relación entre ingresos e gastos e os seus resultados na explotación.
Customer relationship management (CRM). Sistema de información que soporta a estratexia de negocio e ten como obxectivo xestionar de forma óptima as relacións cos clientes, permitíndolles contactaren coa empresa a través de calquera canle, evitando as illas de información entre os departamentos e redeseñando os procesos da empresa co obxectivo de centrala no cliente.
Data mart. É unha versión especial de data warehouse. Trátase de subconxuntos de datos creados co propósito de axudar a que unha área específica dentro do negocio poida tomar mellores decisións.
Data warehouse(DWH). Solución para atender as necesidades de análise e información globais da empresa que consiste nun almacén de datos con toda a información interna e externa necesaria para apoiar a toma de decisións.
Demanda. Valor global que expresa a intención de compra dunha colectividade. Tamén pode definirse como a cantidade de bens e servizos que os consumidores están dispostos a adquirir nunhas condicións determinadas e dentro dun período dado.
Demanda de traballo. Total de postos de traballo dispoñibles nunha economía, cuxo prezo de venda sería o salario percibido por cada traballador.
Deontoloxía. Disciplina que se encarga do estudo da ética das diferentes actividades profesionais.
Depósito á vista. É aquel en que o cliente pode esixir en calquera momento a devolución total ou parcial da cantidade depositada nun banco.
Depósito a prazo. Aquel en que o cliente só pode pedir a devolución do diñeiro depositado unha vez transcorrido o termo fixado na imposición.
Dirección por obxectivos. Enfoque da avaliación do rendemento dirixido por obxectivos, en que traballadores e supervisores establecen conxuntamente as metas para o seguinte período de avaliación.
Diversificación. A diversificación implica as direccións de desenvolvemento que pode tomar unha organización a partir, asemade, dos seus mercados e produtos actuais. Pódese diferenciar entre diversificación relacionada e non relacionada.
Economías de alcance. Existe unha economía de alcance cando por norte de aumentar o volume de negocio ou tamaño dunha empresa conséguese organizar e poñer en marcha determinadas actividades e melloras antes impensables.
Economías de escala. Existe unha economía de escala nunha actividade ou nun factor dunha empresa cando na medida en que aumente o volume de produción diminúan os custos unitarios por produto fabricado ou elaborado. A maioría dos custos fixos permiten economías de escala, xa que cando aumenta a produción quedan repartidos entre un número maior de unidades.
E-learning. Sistema de educación a distancia baseado en soportes electrónicos. A súa canle preferente é a internet, que permite a comunicación aberta entre os emisores e os receptores do ensino.
Empresa. Unidade de organización dedicada a actividades industriais, mercantís ou de prestación de servizos con fins lucrativos.
Empresario individual. Persoa física que realiza no seu nome propio e por medio dunha empresa unha actividade comercial, industrial ou profesional.
Empréstito. Un contrato de empréstito é aquel en que a entidade financeira lle entrega ao cliente unha cantidade de diñeiro que este queda obrigado a restituír ao cabo dun prazo establecido xunto cos intereses devindicados.
Empréstito participativo. O empréstito participativo é aquel en que a entidade prestamista recibe un interese variable que se determina segundo a evolución da actividade da empresa. Ambas poden acordar, ademais, un interese fixo con independencia da evolución da actividade. O prestamista só poderá amortizar anticipadamente o empréstito participativo se a devandita amortización se compensar cunha ampliación de igual contía dos seus fondos propios. Os empréstitos participativos situaranse despois dos acredores comúns polo que respecta á prelación de créditos. Por outra banda, considéranse patrimonio contable para os efectos da redución de capital e liquidación de sociedades previstas na lexislación mercantil. Todos os intereses pagados son deducibles no imposto de sociedades.
Enquisa de poboación activa (EPA). Investigación continua e de periodicidade trimestral realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A súa finalidade principal é obter datos da forza de traballo e das súas diversas categorías (ocupados, parados), así como da poboación allea ao mercado laboral (inactivos).
Máis información no web do INE: http://www.ine.es
Enterprise resource planning (ERP). Sistema de información integrado que serve para xestionar de forma eficaz e integrada as partes máis importantes do negocio. Presenta unha arquitectura modular que conta xeralmente cos seguintes módulos principais: finanzas, produción, loxística, vendas e mercadotecnia e recursos humanos.
Entidades de capital-risco. Sociedades anónimas dedicadas fundamentalmente a facilitarlles financiamento temporal a empresas non financeiras e non cotizadas que teñen dificultades para acceder a outras fontes de financiamento, así como á administración e xestión de fondos de capital-risco e activos de sociedades de capital-risco respectivamente. Como actividade complementaria realizan tarefas de asesoramento para as empresas vinculadas con elas.
Escalabilidade. Capacidade dun software ou dun hardware para crecer e se adaptar a novos requisitos conforme cambian as necesidades do negocio.
Estacionalidade. Este concepto fai referencia ao conxunto de valores que toma unha variable temporal en distintos momentos, aínda que repetido ao longo dun ciclo, no mercado.
Estratexia comercial. A estratexia comercial supón a análise e selección de mercados, a definición dos obxectivos comerciais que se pretende atinxir e a combinación de instrumentos de mercadotecnia (produto, prezo, distribución e promoción) para alcanzar os obxectivos propostos.
Euribor. Tipo de interese ao cal as entidades financeiras máis representativas ofrecen fondos, en euros, no mercado interbancario europeo. Existe un tipo euribor para cada un dos prazos a que cotiza no devandito mercado: un día, unha semana, un mes etc. Ao ser este mercado moi eficiente, adóitase empregar este tipo como referencia nos créditos e empréstitos de tipo de interese variable.
Factor crítico de éxito. Constitúen o factor crítico de éxito aqueles obxectivos ou aquelas hipóteses que teñen que darse necesariamente para lograr o cumprimento das liñas estratéxicas dunha empresa.
Factoring. Operación que consiste na cesión da "carteira de cobramento a clientes" (facturas, recibos, letras... sen embolsar) dun titular a unha entidade especializada neste tipo de transaccións (sociedade factor), a cal asume o risco de insolvencia do titular e se encarga da súa contabilización e do seu cobramento, de tal xeito que as vendas a curto prazo quedan convertidas en vendas ao contado.
Financiamento necesario. Fondos necesarios nunha empresa para poder desenvolver a súa actividade. Esta necesidade cóbrese mediante empréstitos (débeda) ou mediante o investimento dos socios da empresa (capital).
Forfaiting. Compra de letras de cambio aceptadas, créditos documentarios ou calquera outra forma de promesa de pagamento, instrumentada en divisas. Quen adquirir os efectos renuncia de forma explícita ao seu dereito legal de demanda fronte aos anteriores provedores da débeda a cláusula "sen recurso".
Forward. Contrato entre dúas partes que obriga o titular á compra dun activo por un prezo determinado nunha data predeterminada (seis meses). O concepto de forward existe en forma de diversos instrumentos. Negóciase basicamente a través dos departamentos de tesouraría e/ou de comercio internacional e divisas dalgunhas institucións financeiras: o mercado "over the counter" (OTC). Existe tamén un mercado onde este tipo de activos se negocian como futuros.
Franquía. Método de colaboración entre dúas empresas, por medio do cal unha delas (franqueadora) lle cede a outra (franqueada) o dereito a fabricar ou utilizar unha marca comercial, un servizo ou un produto xa acreditados a cambio dunha compensación económica. O franqueado achega o investimento e comprométese a seguir as normas e os sistemas establecidos polo franqueador. Existen tres tipos de franquías: de distribución, de servizos e industrial.
Futuros financeiros. Os futuros financeiros poden definirse como un contrato ou acordo vinculante entre dúas partes polo cal se comprometen a intercambiar un activo físico financeiro a un prezo determinado e nunha data futura preestablecida. Os futuros financeiros funcionan basicamente do mesmo modo que un futuro de bens físicos, só que o activo base do contrato non é un ben físico, senón un instrumento de interese fixo ou un tipo de cambio entre dúas divisas.
Garantía. Contrato polo cal un debedor ou un terceiro afectan especialmente un ben moble ao pagamento dunha débeda, coas mesmas consecuencias que nunha hipoteca no caso de que venza e non estea satisfeita.
Garantías-reafianzamento. Instrumento de financiamento empresarial que facilita o acceso das peme ao crédito mediante a prestación de garantías por aval e o reafianzamento.
Gastos laborais. Os gastos laborais ou gastos de persoal compóñense de todas as retribucións que se lles fan aos empregados, así como dos gastos sociais. Inclúen salarios, indemnizacións, pagamentos á Seguridade Social a cargo da empresa e achegas a sistemas complementarios de pensións entre outros gastos.
Hipoteca. Contrato polo cal un debedor ou un terceiro afectan especialmente bens inmobles ou dereitos reais sobre estes en garantía do cumprimento dunha obriga principal, de tal xeito que vencida esta sen se satisfacer poida facerse efectiva sobre o prezo de venda daquel ben, con preferencia aos dereitos de calquera outro acredor.
Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). Imposto que grava as rendas obtidas polos particulares, en calquera das súas modalidades, no Estado español.
Imposto sobre sociedades. Imposto que grava o beneficio obtido polas empresas.
Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. É un tributo de natureza indirecta que grava as transmisións patrimoniais onerosas, as operacións societarias e os actos xurídicos documentados.
Inmobilizado material. O inmobilizado material é a parte do activo dunha empresa formada por unha serie de elementos patrimoniais mobles e inmobles que se usan para o exercicio habitual das súas actividades produtivas.
Internet. Conxunto de redes informáticas conectadas que permiten a comunicación entre persoas de todo o mundo.
Joint venture. Acordo de cooperación que implica a creación, mediante o investimento conxunto de varias compañías que teñen un obxectivo común, dunha nova empresa con personalidade xurídica propia. Normalmente é de carácter temporal.
Just in estafe. Teoría de xestión de operacións de orixe xaponesa que adopta a filosofía do stock cero: o material necesario é entregado "xusto a tempo", nin antes nin despois.
Lease-back. Modalidade de leasing que consiste no contrato en virtude do cal o propietario dun ben, polo xeral inmoble, llo vende a outra persoa ou entidade que, pola súa vez e no mesmo acto, llo cede en arrendamento concedéndolle ademais un dereito de opción de compra que pode exercerse ao cabo de certo tempo (fin do arredamento ou outro).
Leasing. Contrato de arrendamento dun ben moble ou inmoble con opción de compra incorporado. Unha vez vencido o prazo de arrendamento marcado, pódese elixir entre tres opcións: adquirir o ben pagando unha última cota de "valor residual" preestablecida; renovar o contrato de arrendamento; ou ben non exercer a opción de compra e entregarlle o ben ao arrendador.
Leasing financeiro. A sociedade de leasing comprométese a entregar o ben, pero non ao seu mantemento ou reparación, e o cliente queda obrigado a pagar o importe do alugueiro durante toda a vida do contrato sen poder rescindilo unilateralmente. Ao final do contrato o cliente poderá exercer ou non a opción de compra.
Leasing operativo. Arrendamento dun ben durante un período, que pode ser revogable polo arrendatario en calquera momento, logo de aviso. A súa función principal é a de facilitar o uso do ben arrendado proporcionándolle mantemento e repoñéndoo na medida en que xurdan modelos tecnoloxicamente máis avanzados. A diferenza do leasing financeiro, o arrendador é o propio fabricante ou distribuidor do ben.
Libro de inventarios e contas anuais. Libro contable obrigatorio para calquera empresario que se abre co balance inicial detallado da empresa. Cando menos trimestralmente transcribiranse con sumas e saldos os balances de comprobación. Transcribiranse tamén o inventario de peche do exercicio e as contas anuais.
Libro diario. No libro diario van reflectíndose cronoloxicamente as operacións que día a día realiza a empresa. Rexistra a dinámica patrimonial.
Libro de rexistro de accións nominativas. Conforme a Lei de sociedades anónimas, as accións nominativas figurarán nun libro de rexistro que levará a sociedade, no cal se inscribirán as sucesivas transferencias das accións consignando o nome e apelidos, a denominación ou razón social de ser o caso, a nacionalidade e o domicilio dos sucesivos titulares, así como a constitución de dereitos reais e outros gravames sobre aquelas.
Libro de rexistro de bens de investimento. Libro de rexistro auxiliar en que se consignarán debidamente individualizados os elementos do inmobilizado material e inmaterial afectos á actividade profesional desenvolvida polo suxeito pasivo.
Libro de rexistro de compras e gastos. Libro de rexistro auxiliar en que se reflectirán cando menos os seguintes datos: o número da anotación; a data en que cada un dos gastos se producise conforme ao criterio de imputación temporal que se adoptar; o nome e os apelidos ou a razón social do expedidor; o concepto debidamente detallado que produce o gasto e o importe deste con separación do imposto sobre o valor engadido.
Libro de rexistro de socios. A Lei de sociedades de responsabilidade limitada establece que a sociedade levará un libro rexistro de socios en que se fará constar a titularidade orixinaria e as sucesivas transmisións, voluntarias ou forzosas, das participacións sociais, así como a constitución de dereitos reais e outros gravames sobre estas.
Libro de rexistro de vendas e ingresos. Libro de rexistro auxiliar en que deben reflectirse cando menos os seguintes datos: o número da anotación; a data en que cada un dos ingresos é devindicado conforme ao criterio de imputación temporal que se adoptar; o número da factura ou documento equivalente ou substitutivo en que se reflicta o ingreso; e, finalmente, o concepto polo cal se produce o ingreso e o seu importe, con separación do imposto sobre o valor engadido devindicado.
Libro de rexistro para provisións de fondos e suplidos. Libro de rexistro auxiliar en que debe constar o número da anotación; a natureza da operación (provisión ou suplido); as datas en que as provisións ou os suplidos se produciron ou pagaron; o importe; e, finalmente, o nome e os apelidos ou a denominación social do pagador da provisión ou perceptor do suplido.
Licenza. Contrato polo cal unha empresa lle outorga a outra o poder de servirse dos seus dereitos de propiedade industrial mediante o pagamento dunha contraprestación. Estes dereitos inclúen as patentes, as marcas comerciais, os deseños, os dereitos de autor, o know how ou saber facer e a información técnica.
Logotipo. Distintivo ou emblema formado por letras, abreviaturas etc. peculiar dunha empresa, marca ou produto que fai que se diferencie doutros visualmente.
Marca. Signo distintivo recoñecido legalmente que certifica a autenticidade dun produto e que lles permite aos empresarios distinguir os seus produtos ou servizos fronte aos dos competidores, ademais de outorgar o seu dereito exclusivo no uso destes.
Marca colectiva. Signos que permiten distinguir a orixe xeográfica, o material, o modo de fabricación e outras características comúns dos bens e servizos das distintas empresas que se serven deste tipo de marca.
Marca de certificación. Marca que se lles dá aos produtos que cumpren con certos requisitos definidos, sen ser necesaria a pertenza a ningunha agrupación ou entidade. Poden ser utilizadas por todo o que certifique que os produtos en cuestión cumpren certas normas.
Mercadotecnia/markéting. Conxunto de actividades técnicas e humanas que intentan darlles respostas satisfactorias ás demandas do mercado. Conxunto de principios e prácticas que procuran o aumento do comercio, especialmente da demanda, e estudo dos procedementos e recursos dos cales se serve.
Mercadotecnia mix. Conxunto de variables tácticas de mercadotecnia controlables pola empresa (produto, prezo, distribución e comunicación) que se empregan para producir o resultado desexado no mercado obxectivo.
Mercado laboral. O conxunto de transaccións en que se intercambia un servizo específico que é o traballo
Merchandising. Conxunto de accións e técnicas encamiñadas a atopar a axeitada disposición dos produtos, a moblaxe, os medios, os soportes publicitarios e promocionais dentro dos establecementos de venda ao público. É un tipo de publicidade moi especializada, xa que se realiza no punto de venda.
Oferta de traballo. No mercado laboral a oferta de traballo está constituída por todas as persoas que están en idade e disposición de traballar.
Opcións financeiras. As opcións financeiras son similares aos contratos de futuros en que só unha pequena parte do valor do título subxacente necesita ser pagada inicialmente. Este tipo de transacción pode supor grandes ganancias ou perdas con pequenos investimentos.
Organismo intermedio. Os organismos intermedios son as organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que de forma habitual lles prestan servizos de apoio á innovación e á modernización nas súas diversas vertentes ás pequenas e medianas empresas (peme), e que dispoñen de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os devanditos proxectos innovadores. Tamén as entidades con participación maioritaria de capital público que prestan de forma habitual servizos empresariais de apoio á innovación e á competitividade das pequenas e medianas empresas, e que promoven proxectos que se axusten a determinadas medidas sen perseguiren a obtención de beneficios.
Outsourcing, subcontratación ou externalización. Contratación dos servizos dunha empresa para a execución dalgúns procesos ou actividades que se viñan realizando directamente.
Obriga de pagamento de empresa ou financeiro. Documento privado, estendido de forma legal, polo cal unha persoa (emisora ou subscritora) queda obrigada a pagarlle a outra (tomadora ou beneficiaria) certa cantidade de diñeiro nunha data determinada no documento.
Páxina web. Sitio na rede (internet) asignado ao uso exclusivo e particular de quen desexa publicar e ofrecer servizos e produtos que lle son propios.
Peme. Pode considerarse peme aquela empresa que teña menos de 250 traballadores, un volume de negocios inferior a 50 millóns de euros e un balance xeral inferior a 43 millóns de euros.
Persoa xurídica. Son persoas xurídicas as corporacións, asociacións e fundacións de interese público recoñecidas pola lei. A súa personalidade comeza no instante mesmo en que, conforme ao dereito, quedaren validamente constituídas. Tamén son persoas xurídicas as asociacións de interese particular, sexan civís, mercantís ou industriais, ás cales a lei lles conceder personalidade propia independente da de cada un dos seus asociados.
Plan de negocio. O plan de negocio, plan de empresa ou business plan é un documento en que se identifica, describe e analiza unha oportunidade de negocio ou un negocio xa en marcha, examinando a súa viabilidade técnica, económica e financeira.
Poboación total. Número de persoas que residen nun país nun período concreto de tempo.
Poboación en idade de traballar. Número de persoas que se atopan nos tramos de idade legalmente establecidos para traballar. Actualmente, máis de 16 anos para o inicio.
Poboación potencialmente activa. Persoas que están en idade de traballar e amosan ou poden amosar dispoñibilidade para traballar.
Poboación activa. Persoas que estando en idade e disposición de traballar ben teñen unha ocupación (están a traballar) ou ben buscan activamente emprego.
Poboación inactiva. Persoas que estando en idade de traballar ben non poden ou ben non queren traballar. Nesta situación atoparíanse, fundamentalmente, os colectivos de persoas que se ocupan do fogar, estudantes, xubilados ou prexubilados, as persoas que realizan traballos sociais ou benéficos non remunerados, as persoas incapacitadas ou aquelas que reciben outras remuneracións tales como prestacións sociais ou rendas de capital que lles permiten vivir sen realizar unha actividade laboral.
Poboación ocupada. Persoas que realizan unha actividade laboral remunerada, tanto por conta propia (non asalariados ou autoempregados) como por conta allea (asalariados).
Poboación parada. Persoas que estando en idade e disposición de traballar (activos) non realizan unha actividade laboral remunerada (ocupados), pero buscan activamente emprego.
Principios contables. Os principios contables son establecidos pola lexislación mercantil e completados polo Plan xeral contable, coa finalidade de que as contas anuais queden formuladas con claridade e expresen unha imaxe fiel da situación das empresas.
Produtividade. Capacidade de produción por unidade de traballo, superficie de terra cultivada etc. Incremento ou diminución dos rendementos finais en función dos factores produtivos.
Proxección financeira. A proxección financeira é a expresión contable do plan económico dunha empresa a medio prazo, xeralmente cinco anos. Desde o punto de vista da análise crediticia, o valor dunha proxección depende dos supostos en que se basee. As bases das proxeccións adoitan ser un escenario de datos macroeconómicos relacionados coa posición competitiva da empresa no mercado; a continuación adóitase proxectar as marxes de beneficio sobre a cifra prevista de vendas, a amortización e os gastos financeiros; e, finalmente, proxéctanse as rotacións dos diferentes elementos do balance.
Público obxectivo. Segmento ou segmentos de mercado que queren alcanzarse coas accións comerciais e publicitarias.
Punto de asesoramento e inicio de tramitación (PAIT). Os PAIT son oficinas dependentes das administracións públicas e entidades públicas e privadas, así como de colexios profesionais, organizacións empresariais e cámaras de comercio. Nas devanditas oficinas iníciase o trámite de constitución da sociedade limitada nova empresa e da sociedade limitada.
Ratio. Relación entre dous elementos ou dous conxuntos de elementos cuantitativos do balance ou das magnitudes características dunha empresa para axuizar a súa estrutura e evolución.
Redes interorganizativas. As redes interorganizativas representan unha modalidade de cooperación empresarial caracterizada pola existencia de múltiples acordos levados a cabo entre un número elevado de participantes e que relaciona non só as empresas integrantes, senón tamén a estas con todo tipo de institucións públicas ou privadas, entidades financeiras etc. Existen catro tipos de redes segundo o ámbito de alcance: redes internas, redes verticais, redes horizontais e redes diagonais.
Rendibilidade económica ou rendemento. Relación entre o beneficio antes de intereses e impostos e o total do activo.
Rendibilidade financeira. Relación entre o beneficio neto e os capitais propios.
Renting. É un contrato mercantil bilateral polo cal unha das partes, a sociedade de renting, queda obrigada a cederlle a outra o arrendamento ou o uso dun ben por un tempo determinado a cambio do pagamento dunha renda periódica. O pagamento da renda inclúe o dereito ao uso do equipo, o seu mantemento e un seguro que cobre os posibles sinistros. A empresa de renting abre un espazo entre o fabricante/provedor e o cliente final grazas aos descontos e economías de escala que logra coa súa mediación.
Risco crediticio. O risco crediticio é aquel ligado a unha operación crediticia e que supón a posibilidade de que non se pague o principal ou os intereses desta.
Risco laboral grave e inminente. Aquel risco cuxa materialización nun futuro inmediato resulte probable racionalmente e que poida supoñer un dano grave para a saúde dos traballadores.
Rotación de contas que deben cobrarse. Número de veces que as vendas conteñen o saldo medio de clientes nun período determinado. Calcúlase dividindo as vendas anuais entre o saldo medio de créditos comerciais do devandito período.
Sector empresarial. Constitúe o ámbito inmediato da empresa. Está integrado polos subministradores, intermediarios, competidores e institucións que promoven, facilitan e controlan a actividade comercial.
Sector primario. Engloba as actividades relacionadas coa agricultura, a gandaría e pesca.
Sector secundario. Engloba as actividades relacionadas coa industria.
Sector terciario. É o que lle proporciona servizos á sociedade.
Segmentación de mercado. Proceso mediante o cal se clasifica o mercado en subgrupos homoxéneos, co fin de levar a cabo estratexias comerciais diferenciadas que permitan satisfacer de forma máis efectiva as súas necesidades e alcanzar os obxectivos comerciais da empresa.
Segmento de clientes. Conxunto de consumidores con características, necesidades e pautas de comportamento semellantes que reaccionan de forma homoxénea ante os estímulos da mercadotecnia.
Segmento empresarial. Produtos e servizos que se ofrecen en combinación cun conxunto de accións de mercadotecnia (mercadotecnia mix) para darlles resposta ás necesidades dun mesmo grupo de clientes.
Sociedade anónima. Sociedade de carácter mercantil en que o capital social, dividido en accións, está integrado polas achegas dos socios, os cales non responderán persoalmente das débedas sociais.
Sociedade comanditaria por accións. Sociedade de carácter mercantil cuxo capital social, dividido en accións, está constituído polas achegas dos socios, un dos cales, cando menos, ha encargarse da administración da sociedade e responder persoalmente das débedas sociais como socio colectivo, mentres que os socios comanditarios non terán esa responsabilidade.
Sociedade comanditaria simple. Sociedade mercantil de carácter personalista que se define pola existencia de socios colectivos que achegan capital e traballo e responden subsidiaria, persoal e solidariamente das débedas sociais, e de socios comanditarios que soamente achegan capital e cuxa responsabilidade está limitada á súa achega.
Sociedade civil. Contrato polo cal dúas ou máis persoas poñen en común capital co propósito de se repartiren entre eles as ganancias.
Sociedade colectiva. Sociedade mercantil de carácter personalista en que todos os socios, baixo nome colectivo e razón social, se comprometen a participar na proporción que estableceren dos mesmos dereitos e obrigas e responden subsidaria, persoal e solidariamente das débedas sociais.
Sociedade cooperativa. Sociedade con estrutura e funcionamento democráticos constituída por persoas que se asocian en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria para realizaren actividades empresariais encamiñadas a satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas e sociais.
Sociedade de garantía recíproca (SGR). Sociedade mercantil cuxo obxectivo social é o outorgamento de garantías persoais, ben por aval ou por calquera outro medio admitido en dereito distinto do seguro de caución, a favor dos seus socios para as operacións que estes realizaren dentro do xiro ou tráfico das empresas de que sexan titulares.
Sociedade de investimento mobiliario. Sociedades anónimas, de capital fixo ou variable, que teñen por obxecto exclusivo a adquisición, tenza, goce, administración en xeral e alienación de valores mobiliarios e outros activos financeiros, para compensar por unha axeitada composición dos seus activos os riscos e os tipos de rendemento, sen participación maioritaria económica ou política noutras sociedades.
Sociedade de leasing. Sociedade especializada e autorizada polo Ministerio de Economía e Facenda para desenvolver o papel de arrendadora nas actividades de leasing. Ademais, as entidades financeiras (bancos, caixas de aforro, cooperativas de crédito e establecementos financeiros de crédito) están legalmente autorizadas para realizar este tipo de operacións.
Sociedade de responsabilidade limitada. Sociedade de carácter mercantil en que o capital social, dividido en participacións sociais, indivisibles e acumulables, está integrado polas achegas de todos os socios, os cales non responderán persoalmente das débedas sociais.
Sociedade laboral. Sociedade anónima ou sociedade de responsabilidade limitada en que a maioría do capital social é propiedade dos traballadores que prestan servizos retribuídos nelas de forma persoal e directa e cuxa relación laboral é por tempo indefinido.
Sociedade limitada nova empresa. Modalidade de sociedade de responsabilidade limitada (SRL). O seu capital social está dividido en participacións sociais e a responsabilidade fronte a terceiros está limitada ao capital achegado. O número máximo de socios no momento da constitución limítase a cinco, que deben ser persoas físicas. É posible unha sociedade limitada nova empresa unipersoal. O obxecto social é xenérico para permitir unha maior flexibilidade no desenvolvemento das actividades empresariais sen necesidade de modificar os estatutos da sociedade.
Sociedade mercantil. Contrato polo cal dúas ou máis persoas se obrigan a poñer en común bens, diñeiro ou industria para realizaren unha actividade económica co fin de obter un lucro que poidan repartir entre eles.
Stock. A cantidade de bens de que dispón unha empresa para o seu uso comercial nun momento determinado (materias primas, material en curso e material rematado).
Swap. Consiste nunha transacción financeira entre dúas partes que acordan intercambiar fluxos monetarios durante un período determinado seguindo unhas regras pactadas. O seu obxectivo é mitigar os efectos das oscilacións das moedas e dos tipos de interese. Utilízanse normalmente para evitar o risco asociado á concesión dun crédito, á subscrición de títulos de renda fixa, (con interese fixo ou variable) ou ao cambio de divisas.
Taxa de actividade. Cociente entre a poboación activa e a poboación total en idade de traballar.
Taxa de emprego. Cociente entre a poboación ocupada e a poboación total en idade de traballar.
Taxa de paro. Cociente entre a poboación parada e a poboación activa.
Taxa anual equivalente (TAE). Tipo anual efectivo que sinala de forma precisa o custo do diñeiro tomado a crédito ou prestado. Nel inclúese o tipo de interese nominal máis a recarga resultante da frecuencia de pagamento de intereses.
Tecnoloxías da información (TI). As tecnoloxías da información engloban todas as formas de tecnoloxía usadas para crear, almacenar, intercambiar e empregar información en cada unha das súas diferentes formas (presentacións multimedia, bases de datos, imaxes, sons etc.). Inclúe tanto a telefonía como a computación.
Telemercadotecnia. Acción comercial baseada en comunicacións a través de liñas telefónicas exclusivamente.
Xerente. Persoa que leva a xestión administrativa dunha empresa ou institución mercantil.